A cidade da Coruña ten dado, ao longo da súa historia, abondosos exemplos de espírito liberal e progresista (en sentido decimonónico). Por moito que poida proer nalgunhas instancias herculinas (mesmo cuase vaticanas) tamén fixo grandes achegas no eido do nacionalismo. Porén, unha teimuda actitude xacobina, con doses de pailanismo cosmopolita, bosquexou unha imaxe dun principado independente, incrustado accidentalmente na xeografía galega.
No eido científico e tecnolóxico podemos referirnos así mesmo ás achegas feitas desde a cidade herculina. Hai capítulos destacados que, sen deixármonos levar por triunfalismos paifocos, amosan episodios destacados na historia cotián da ciencia e da tecnoloxía, desa que resulta imprescindíbel para o fomento do espírito científico e tecnolóxico do cal poidan abrollar figuras senlleiras, equipas de investigación potentes e logros que melloren a nosa calidade de vida.
Ao longo dos últimos vinte anos foise desenvolvendo na Coruña unha actividade no mundo dos museos científicos que obtivo o recoñecemento tanto da propia cidade como do resto do país e tamén de España e a nivel internacional. O Domus, a Casa das Ciencias, o Planetario, o Acuarium... Foi mérito dunha alcaldía ter loitado arreo por esas instalacións e organismos que lles deron vida. Nada que dicir. Ben, nada de nada? Nada, a non ser que algúns queiran monopolizar a actividade científica por sempre.
Que os cargos político-institucionais simbolicen unha época (Suárez, Felipe, Fraga, etc.) non significa que eles o fixeran todo, senón que son o referente dunha época. Que Francisco Vázquez rexentara durante anos a alcaldía coruñesa, que ao longo deses anos se desenvolvera unha importante actividade científica e museística, non quere dicir que só el, eles por extensión (ou sexa, xentes próximas a determinados grupos de traballo), poidan xestionar os museos científicos coruñeses.
No entanto, esa é a imaxe que algúns queren dar. Lamentábel. “Ou estamos nós, ou rompemos a baralla”. O intento, lexítimo, por aspirar a xestionar un organismo non pode levar a desacreditar no seu conxunto a dita institución no caso de non acadar tal obxectivo. Quen queira, puido intentar demostrar que o tería feito mellor, mais dicir que de non saíren elixidos eles, sería o caos e a perdición da organización científica en cuestión (por non falarmos de insinuacións de ilegalidade e non sei que falcatruadas máis), iso só destrúe. Apoiarse ademais en recoñecementos externos para enxalzar a opción defendida, e insinuar que os apoios que recibe o contrincante son “locais” e de pouca envergadura (o cal non é certo con respecto á persoa seleccionada para rexer os museos científicos coruñeses), é de mentes colonizadas e con moi pouca autoestima colectiva. Espírito xacobino, de pailanismo cosmopolita. Con beizón urbi et orbe.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »