Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Non ás dobres varas de medir

14:00 16/02/2008

Na primavera do 2000 parte do profesorado interino de Asturies decidimos pecharnos na sé da viceconsellaría de educación do Principado. Como pano de fondo da nosa protesta, a cíclica problemática do profesorado interino xa comentada noutras ocasións.

Tamén ao longo dos 90 puiden seguir conflictos como os de Duro Felguera (sempre ondearon as bandeiras asturiana, tricolor, a ikurriña e a bandeira patriótica nosa na torre da catedral de Uviéu) e outros nas cuncas mineiras e no sector naval. Curiosamente, alí había loita obreira; aquí, algúns sindicatos de clase cualificaban as mobilizacións da clase obreira galega de perigosa deriva de violenta radicalización propia doutros contornos (iso agás que eles participaran na loita, claro).

Esta semana que agora remata un pequeno grupo de independentistas galegos quixo protestar pola presenza de María San Gil nas aulas da Facultade de Económicas. Na internet puidemos seguir os feitos sen necesidade de que ninguén nos diga o que temos que ver que pasou. Poderemos compartir ou non o feito de que María San Gil vaia dar unha charla á Facultade de Económicas, ou que uns mozos e mozas protesten pola súa presenza. Mais o que nunca imos soportar son as dobres varas de medir, a hipocrisía.

Cando estabamos pechados en Uviéu tivemos contrapeche. Outros mozos e mozas interinos manifestáronse tamén na viceconsellaría e fixeron valer os seus berros: «¡Vosotros, joderos, que estáis en el paro!» «¡Burros, burras!». «Vosotras, marujas, iros para casa!». «Sindicalistas!» O ambiente caldeouse abondo. A presenza da policía disuadiu aos máis exaltados. Compañeiros e compañeiras nosos estaban superados. Eramos uns 30 pechados e ante nós tiñamos a uns 200.

Da loita partidaria

Ao longo da semana, e no contexto da loita partidaria na política asturiana, o PP enxalzaba a actuación dos contra-peche; era a mocidade ben preparada que loitaba contra o enchufismo, contra os paspáns que non eran quen de aprobar as oposicións, contra os amigos de Areces.

Tamén cando Pilar del Castillo visitou Uviéu atopouse con protestas, e Felipe González e Aznar en moitas das visitas que realizaron. Lembrades a Beiras custodiado pola garda civil en Malpica, ou a Alfonso Guerra cando metido no seu coche bailaba ao son do bambam no aeroporto de Alvedro? E os pancartazos a Bono? Que non nos fagan esquecer actuacións noxentas como a de Trillo no caso do Yak-42.

Supoño que ninguén quererá dicir agora que as posteriores reunións do Ministerio de Educación cos estudantes, nin dos gobernos de Felipe cuns e con outros, ou do BNG cos veciños de Malpica, ou os encontros de Gabino Díaz Merchán (ex bispo de Uviéu) cos obreiros de Duro Felguera, son un claro exemplo de cesión á chantaxe dos violentos. Por certo, como cualificarían a aqueles estudantes españois que tamén protestaron pola presenza do lehendakari Ibarretxe na Universidade de Stanford (California)? Eles si que puideron estar na sala onde Ibarretxe impartía a conferencia e erguer os carteis contra o lehendakari. Probes USA, a onde irán parar consentindo tanta acción violenta intolerábel? Ou neste caso non é así o conto? Por que será?

(PD) 1. Tan só me queda unha dúbida: que transcendencia tería este acto de non ter ocorrido isto?

2. FUNDAMENTAL: CALQUERA MEDIDA REPRESIVA POR PARTE DA USC (EXPULSIÓN, ETC.) CARA AOS ALUMNOS/AS PARTICIPANTES ESTÁ TOTALMENTE FÓRA DE LUGAR.

4,75/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...