Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Mundo adiante con dignidade

11:22 22/05/2007

Sendo un rapaciño un profesor obrigoume un día a repetir, en castelán, unha opinión exposta na clase. Incapaz aínda de facerlle fronte, traguei saliva e repetín o dito na lingua referida. Xa comezaba a tomar conciencia da importancia do uso do idioma. Mais aquel día quedoume claro.

Hai pouco puiden ler que uns rapaces do Bierzo tiveron certos problemas para matricularse en Lingua e Cultura Galegas. Hai acordos entre as dúas administracións, mais unha cousa é o boato oficial e outra ben distinta a realidade teimuda. Os pícaros do Eo-Navia poden aprender o galego-asturiano, mais ás veces teñen que escoitar algunhas posicións maximalistas que lles levan a renegar de todo o que soe a galego. Vellas pantasmas, axitadas por sectores reaccionarios, son avivadas interesadamente para sinalar de xeito negativo calquera avance das linguas minorizadas. E tamén para tentar marcar o territorio desde unha perspectiva comercial.

Límite político-administrativo non implica límite lingüístico. Que se fale francés en Xenebra non esnaquiza ningún estado. Que se fale galego, ou as variantes correspondentes das terras do Eo-Navia, ou do Bierzo, ou das Portelas (Zamora), tampouco. Simplemente realza a súa riqueza lingüística. E en canto que forma parte do noso legado, desde Galiza debemos velar pola súa defensa; desde o diálogo, por suposto, pero sen deixar ao pairo a aquelas persoas que falan coma nós.

Directamente relacionado con isto está a proxección do galego no exterior. Por que un fillo de galegos ten a posibilidade de estudar o seu idioma en Andorra e non en Uviéu, por exemplo? As Casas de Galiza espalladas polo mundo adiante poden servir (e de feito así é en moitos casos) de instrumento para a promoción da lingua e cultura galegas. Mais, por que non establecer unha colaboración directa con outras administracións para, alí onde haxa demanda, poder cursar galego nos institutos ou nas universidades?

Unha preocupación abstracta
Ninguén se atreve a poñer en dúbida a importancia da difusión da nosa cultura, co noso idioma como buque insignia. Mais temos moito que mellorar as canles de difusión polo mundo adiante. Os nosos lectorados non poden estar por un fío nin ser satélites dos departamentos de lingua española. Poderemos colaborar con outras institucións de difusión cultural para aforrar custos, mais en pé de igualdade, nunca supeditados a nada. Promover a marca Galiza de tal xeito que faga dita idea atractiva con só nomeala, implica dignificar todo o seu legado, nomeadamente o idioma. Non só se trata dunha preocupación ideal e abstracta, senón que se traduce tamén en cifras económicas. Que llo pregunten senón a aquelas empresas galegas que tiveron que facer fronte a identificacións un tanto ocorrentes, pero cunha intencionalidade perversa de seu: retiralas do mercado.

Mirar cara outro lado é suicida. Pensar que deixar pasar as cousas solucionará todo lévanos a un camiño sen saída. Se non somos quen de dignificar a nosa cultura, mal poderemos presentarnos ante o mundo querendo ofrecerlles os nosos produtos. Agora ben: tamén é certo que converter este tema nun casus beli como se del dependera o futuro do país é unha falacia. Se todos fomos quen de comprender que a normalización do galego requiriu despolitizar o tema da lingua, por que non facer o mesmo neste caso? Partindo dos logros acadados, por poucos que foran, debemos melloralos e continuar o labor de promoción do noso idioma. E contar sempre coa sociedade civil. Hai aspectos que unha institución non pode abordar na defensa cotián do seu uso que si son quen de facer as asociacións de base. Mais nunca chocando o movemento asociativo co traballo institucional; nin á inversa.

Por moito que puidera parecer que ninguén quere saber de nós fóra das nosas fronteiras, a realidade é ben diferente. Hai datos que así o constatan (estatísticas de migración cara Galiza, solicitude de cursos de galego, preocupación por cuestións da nosa comunidade, valoración dos nosos produtos, etc.). Ademais, se no conxunto da política española houbo a valentía suficiente para facerlle fronte ás teses máis reaccionarias, ¿por que no noso caso imos ter que amolarnos e aceptar resignadamente o fatalismo intransixente de quen alberga teimudamente un sentimento antigalego (e tamén agocha intereses claramente económicos e políticos)? Espertemos. Non pode ser, nin sequera nas Portelas, que no ano 2006 uns cativos teñan que copiar 100 ou 200 veces no encerado “Está prohibido hablar gallego en clase”.

5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...