O problema do profesorado interino é cíclico. Interinidades vainas haber sempre. Outra cousa é canto abusa a Administración deste tipo de postos. Xa a finais dos anos setenta (coas famosas restrinxidas), e antes ao longo do franquismo, houbo que lle buscar unha saída excepcional.
De novo nos oitenta o número de interinos aumentou enormemente. Non chegou a acadar as dimensións dos últimos anos da ditadura, mais o colectivo de PNNs adquiriu un papel importante no ensino público. Este conflicto produciuse canda as mobilizacións sindicais a prol da homologación salarial (os sexenios famosos). Máis unha vez unha situación conflitiva permitiu que este colectivo acadara moito peso (aínda que non tanto) na mesa de negociación. A saída para esta ocasión non foi tan excepcional; con todo, si bastante beneficiosa. Lembrades aquel “con un 3 praza tés; con un 9 non a ves”? Proclama demagóxica (e tanto!), pero sintética.
Precisamente en Galiza houbo unha considerábel resposta a este modelo de oposición incluído como Disposición Transitoria na implantación da LOXSE. O COLIDIGA constituíuse para denunciar un modelo que deixaba en franco fóra de xogo aos licenciados e licenciadas en paro. Nel coincidiron teimudos antiinterinos con xente que se viu desprazada nun momento determinado da súa vida por razóns alleas á súa propia vontade, cousa que xeraba bastante frustración. O que nun primeiro momento parecía algo estruturado de xeito racional (pedíase unha reserva de prazas para libres compatíbel coa oportunidade que merecía o profesorado interino, e sen demérito da súa estabilidade) derivaría posteriormente nun “abaixo os interinos” e tamén nun “e do meu que, che?”. A paralización das Oposicións do 92 e a posterior reelaboración das listas en base á Oposición do 91, a partir da última persoa que traballara, introduciu unha dinámica viciada que marcaría a fin deste movemento asembleario.
Nos 90, a inestabilidade fíxose algo habitual. Unha inestabilidade ponderada, mais inestabilidade á fin. En Galiza, e noutras comunidades, a lista refacíase a partires da última persoa que traballara. Pero ese posto dependía das necesidades de cada ano. No MEC reelaborábase completamente en base á oposición. Eran especialmente temidos os “blosques” (bloque I. encerrona aprobada; bloque II: encerrona suspensa; bloque III; sen pasar á encerrona). As mobilizacións habidas ao longo dos 90 foron suavizando esa draconiana tesoira opositora. Con todo, sempre estamos a falar de inestabilidade, á que se ían sumando os licenciados e licenciadas en paro que non superaban o concurso-oposición.
Encirrando nos mozos
Aqueles que estando fóra o vían todo claro: “os interinos acomódanse e non queren dar o callo”, ían mudando a súa opinión ao incorporarse ao colectivo. O primeiro ano que traballabas víaste todo ilusionado e estudabas para superar o que estabas convencido ía ser unha situación transitoria. Mais a teimuda realidade parábache os pes. Obviamente nunca había as prazas suficientes para tanta persoa con “tanto ánimo”. Os anos ían deixando a súa pegada e o desánimo comezaba a agromar. Con esta afirmación non pretendo xulgar a ninguén (nin a min mesmo sequera, que estiven oito anos nesa situación). Mais ese é o frustrante sentimento que pouco a pouco vai dominando a paisaxe emocional. Todos queremos gozar dunha oportunidade. É xusto. E a miopía da Administración, amarrada coma ela soa, non foi quen, no seu momento, de artellar os intereses duns e outros.
Se non se nos ocorre botar á rúa a experiencia de obreiros cualificados que levan anos facendo o seu traballo, se non prescindimos de médicos, enfermeiros, persoal da administración, etc., que desenvolven o seu labor interinamente durante moito tempo, por que no caso do ensino callou tanto a mentalidade do quítate ti, que quero entrar eu? A dereita, e non só a dereita, amiguiñas e amiguiños, encirrou moito a mozos e mozas para desacreditar o labor sindical con parvadas ocorrentes. Porén, ao entraren a traballar, moitos ben que se afiliaban. E algúns recollían proveito dese labor “axitador”.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »