Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Chove sobre mollado

12:43 19/10/2009

O 17 de maio chovía en Santiago. Aínda así, a procesión de cores das mil e unha costureiriñas percorreu as rúas de Compostela. Chovera ou ventara, en galego sempre! O 18 de outubro, tras unha semana de recio nordés que mantiña afastada a borrasca do Atlántico, un día de sol relucente vernizaba as rúas compostelás. E sen embargo, chovía sobre mollado.

A campaña de promoción da masiva manifestación do 18 de outubro foi intensa, tanto no plano persoal como no colectivo. Todos aqueles que non queriamos ficar pasivos ante os continuos ataques ao galego falamos con veciños, amigos, coñecidos... Se tiñamos a man papel e bolígrafo escribiamos cartas ao director (aínda que máis ben pensaramos no Editor), artigos de opinión, participabamos en faladoiros de amigos, nas emisoras de radio locais ou de todo o pais; asistiamos a actos de presentación da Plataforma Queremos Galego, a conferencias sobre a situación da nosa lingua, a obras de teatro...

Porén, e agás as edicións locais dos xornais galegos, ou no seu caso na programación local das emisoras de radio e tv., a sensación de silenciamento informativo foi intensa, abafante. A triste lembranza dos “hilillos de plastilina” volvía ao noso recordo. Os veciños da Costa da Morte vendo o barco ou o chapapote preto das súas casas, e os da radio e tv oficiais, e as privadas aliadas, a contar trolas e máis trolas dicindo que non pasaba nada, que todo estaba baixo control. Ao longo destas últimas semanas, con este como con outros temas (vg. O Gurtel) a manipulación informativa fedía intensamente.

Como é posíbel que un deportista de elite mereza a primeira plana se participa nun acto social ou cultural calquera mais, se o fai a prol do galego só se comenten tres ou catro liñas, se é o caso, ou se relegue a información á correspondente páxina comarcal de LVG ou do Faro, por destacar os exemplos máis rechamantes? O mesmo val para un actor, un cantante, etc. Así se actuou ao longo destas últimas semanas. Vergoña de medios que, sen embargo, cobran pingües subvencións para, disque, promocionar o uso do galego. Ata un 5%, nos mellores momentos (un rapto de louca xenerosidade ás beiras do mes de maio e pouco máis).

Que todos berraramos “TV: MANIPULACIÓN!!!” cando a conexión en directo do Telexornal da TVG coa Praza da Quintana foi un clamor para chamar a atención duns altos cargos en San marcos que negaron a realidade ocultando a información e terxiversándoa. Os berros soportáronos dous mozos que estaban a facer o seu traballo, e que ben aguantaron o trebón, pero a quen lles había que quentar as orellas, e moito, é aos covardes directivos que, agochados en despachos blindados coa coraza dunha prepotente maioría absoluta, crense os amos da información.

5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...