O pasado 15 de febreiro publicouse nas páxinas de El Progreso-A Mariña un artigo no que xa chamabamos a atención pola miserábel reacción de certas persoas ante a presenza da cultura galega na Feira Internacional do Libro da Habana.
Sirvan estas, e outras liñas, para tomarmos nota de tan oportunista e mesquiña actitude. Está nas nosas mans parar en seco a quen con tanta frivolidade xoga cos nosos sinais de identidade. Négome a crer que toda a dereita galega pense deste xeito. Mais, ou reaccionan e lle fan fronte a este xeito tan rúa Génova, ou fundiranse todos no mesmo barco a partir do 10 de marzo.
«Do 13 ao 24 de febreiro celébrase a XVII Feira do Libro na Habana. Para que se fagan unha idea da importancia deste evento, na anterior edición de 2007 pasaron por ela 650.000 visitantes, participaron nela 31 países, 650 editoriais tiveron representación, houbo 131 expositores e vendéronse 1,3 millóns de exemplares. Pois este ano Galiza e a súa cultura son convidados de honra. É a primeira vez que a cultura dun país sen estado propio é convidada a este acontecemento.
As Feiras do Libro de Frankfurt e de Guadalaxara (México) son moi importantes. Pois a da Habana é un escaparate cultural do continente americano de primeira magnitude. Para a edición deste ano agárdase un millón de visitantes. De seguro a presenza da nosa cultura na illa caribeña ha supoñer un antes e un despois na nosa promoción internacional. De feito, vaise aproveitar esta oportunidade para facer valer a nosa candidatura a país convidado na Feira de Guadalaxara en 2011.
Un amplo repertorio de escritores e escritoras do noso país van dar a coñecer a súa obra, toda a nosa cultura. Méndez Ferrín, Suso de Toro, Manuel Rivas, Teresa Moure, Luz Pozo Garza. No mundo da música, a Real Filharmonía de Galiza, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Uxía, Marful, Nordestinas, Dios Ke Te Crew. Haberá unha actuación conxunta entre Pablo Milanés e varias cantantes galegas. Promocionarase a banda deseñada, a arte contemporánea e a fotografía galegas. Miguel Anxo Prado e Xosé Lens coordinarán este labor. Quico Cadaval desenvolverá o Encontro de contadores: galegos, cubanos e africanos. Haberá un oco para a danza contemporánea con Pisando ovos e tamén para os monicreques de Galitoon e a maxia do Mago Antón.
Así mesmo, no mundo do audiovisual, e baixo o título conxunto de Ópticas cruzadas, catro cineastas galegos e outros tantos cubanos realizarán, por parellas galego-cubanas, catro curtametraxes de dez minutos de duración cada unha sobre a relación entre as culturas galega e cubana.
A Mariña lucense, como o resto de Galiza, ten aportado á illa caribeña, un sen fin de homes e mulleres que colaboraron co seu esforzo físico e intelectual ao desenvolvemento de Cuba (e de América en xeral). Podemos ver a súa pegada no noso legado arquitectónico, no intercambio de bens e ideas habido entre unha e outra beira. No verán de 2007 temos analizado en Ribadeo, nas XV Xornadas Mar por Medio Galiza en América as estratexias para a difusión da cultura galega en Latinoamérica. Tratábase de buscar as maneiras máis acaídas para a proxección da cultura galega no exterior, de estudar as posibilidades de mercado en Latinoamérica para os sectores do libro, musical e audiovisual. Desde aquí aportamos o noso grao de area neste inmenso labor de proxección cara ao exterior da nosa cultura. É unha mágoa que algúns anden agora con andrómenas querendo cuestionalo todo. Que curioso, para esas persoas o ladrillo nunca está baixo sospeita, aínda que o arrase todo; a cultura, si. Todo o que soe a galego, tanto aquí como en Andalucía, ou nas Américas, sempre os fai desconfiar.»
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »