Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

O valor do propio desde a base

12:30 23/10/2008

Coas XVI Xornadas Mar por Medio celebradas en Ribadeo entre o 17 e o 19 de outubro tivemos a oportunidade de dar un paso máis no noso achegamento a Portugal. Nunha primeira fase, estas Xornadas centraron o seu interese na nosa relación co mundo anglosaxón, da man de John Rutherford. Despois, en edicións posteriores, ampliouse a perspectiva cara a América e, agora, tocoulle a Portugal. Porque temos potencial suficiente de desenvolvemento e de proxección cara ao exterior. Aínda que algúns nos queiran despistar solicitando milleiros de fotocopias na procura de non se sabe moi ben que.

Desde hai uns anos, o facho que alumou o novo horizonte destas xornadas foi situármonos no mundo para desenvolvermos toda a nosa capacidade creativa dándoa a coñecer aos demais e aprendendo deles o seu saber facer. E isto, fronte a outros tempos da política cultural galega, nos que non se cría na nosa habilidade para desenvolvermos e proxectarmos internacionalmente a nosa creatividade.

Pois claro que podemos aprender dos erros cometidos. E mellorar. Xaora! Mais hai un antes e un despois na promoción exterior da nosa cultura. Nada volverá ser o mesmo. Ben. Deberíanos explicar a forza política que nestes momentos está na oposición se, de recuperaren o poder, van botar abaixo todo o feito ata o de agora. Quizá nun alarde austeridade franciscana decidan prohibir os ágapes onde se ofrezan bebidas do país (agás os caldos españois, que igual se lle enfadan os xornalistas de rancio avoengo centralista).

Contar o número de viños, xereces, licores ou similares nunha recepción non pode ser a base da crítica á política cultural dun goberno; crítica por outra banda furibunda, arteira e ben interesada mediaticamente. O importante é despistar, desviar a atención, buscar unha vítima expiatoria, e onde antes dicía A, agora defendo B e quedo tan tranquilo. A oportunidade de determinados proxectos culturais non pode vir dada polo padriño que as saque adiante. E na prensa galega hai quen non quere decatarse de que a xente non é parva e ten memoria. E hai hemerotecas.

Tamén cando se lle dou un novo rumbo á danza galega parecía que se estaba a cometer o meirande atropelo e unha inxustiza terríbel co Ballet Rei de Viana. Porén, quen ousaría cuestionar o acerto da decisión tomada no seu momento ao respecto? Así mesmo, cando no eido deportivo David Cal reclama para si máis axudas, os datos aportados desde a Consellaría de Cultura deixan de manifesto que foi o que máis apoio recibiu. Iso si: tamén se potenciou, e como nunca, o deporte de base. En fin. Mudaron moitas cousas e hai quen non está contento co actual statu quo pois o anterior beneficiábao moito máis. Teñen dereito a defendelo quen así o consideren. Pero que digan as cousas con claridade, non anden enleándoo todo.

Volvendo a Ribadeo e ás Xornadas Mar por Medio, con feitos mostrouse a nosa capacidade creativa, o noso orgullo de termos unha lingua e unha cultura propias coas que presentármonos ante o mundo. E déuselle ademais valor engadido. Por que a algúns lles preocupa tanto que a sociedade galega vaia comprendendo cada vez máis que os sinais de identidade non son per se unha entelequia absurda, senón que son riqueza e elemento fundamental do noso estar no mundo?

4,69/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...