Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Aprendendo a lección

12:25 24/02/2009

Nesta lexislatura a Consellaría de Vivenda e Solo puxo en marcha medidas para loitar contra a especulación e facer da vivenda un dereito, e non exclusivamente unha oportunidade para o lucro duns poucos.

Cunha proposta innovadora decídese abordar o tema da promoción da vivenda protexida cunha dobre perspectiva: incentivar a actividade nun sector en crise e ao mesmo tempo promover a construción de vivenda a prezo taxado. Ademais, con estas medidas procurábase poñer orden naquelas zonas sen urbanizar que tanto prexudican social e paisaxisticamente a moitas das nosas vilas. Mais nunca ha de chover a gusto de todos.

As reaccións foron variadas. Houbo concellos que ofreceron terreos; outros nos que tras un proceso de diálogo se acordou trasladar o plan a outra zona. Pero tamén houbo quen se opuxo abertamente. A uns parecíalles pouco o que lles ían pagar (quen non reclamaría ao xustiprezo se lle expropiaran algo!); outros, non querían que se construíra absolutamente nada á beira da súa casa; outros, en fin, tiñan en mente proxectos urbanizadores máis lucrativos para a zona. O que xa resultou moi rechamante e reprobábel foi apelar á identificación vivenda protexida = vivenda social = marxinalidade. Que se insinuara pelotazo urbanístico responde ao argumento fácil referíndose con demagoxia á política e aos políticos en xeral.

A man esquerda da Consellaría, e tamén das alcaldesas e alcaldes que queiran afrontar con valentía e rigor o serio problema da carestía da vivenda, tense que impoñer. Diálogo, sempre. Ora ben: retroceso, nunca. Plan de Vivenda Protexida ten que habelo.
Como non podía ser menos, e mirando cara ao pasado, o PP considerou que esta era a súa. «Velaí veñen os comunistas que che queren roubar a tenza!» Algúns políticos socialistas, quen sabe se disfrazados de choqueiros comenenciudos, ben que se prestaron a este xogo. Imaxinándose un país no que todos nos sentimos como pequenos propietarios, esquecen as grandes transformacións sociais experimentadas nos últimos trinta anos. Por non comprenderen ditas transformacións foron perdendo o poder en vilas como Ames, Arteixo, Culleredo, Carballo, etc., nas que unha poboación nova, con máis mentalidade urbana que terratenente, non lles admitía vellos comportamentos propios de serodio alcalde tardofranquista.

Con intereses ben contrapostos, houbo propietarios que souberon coincidir e crear sinerxías a favor dos seus heteroxéneos fins. Mesmo se chegou a dar a situación de que un día se dicía que pagar 40€/m2 era un roubo pero, ao día seguinte, non tiñan ningún rubor en afirmar que se eles se puxeran de acordo para levar a cabo a urbanización dos seus terreos, xa conseguirían que todos aceptaran eses 40€ (e, se non, abondaba cun 51% dos propietarios; e os demais a calar). Vese que, para certa xente, que desde o sector público se faga algo sempre está mal por definición; mais se o fan catro ou cinco socios para lucrarse, entón está ben.

É o momento de facermos balance e tirar conclusións. Por iso convén preguntármonos se as xentes preocupadas polo tema da vivenda e que reclamamos a intervención pública para moderar uns prezos de loucura imos ser quen de crear unha sinerxía que leve á consolidación de propostas novas, transformadoras e que xeren xustiza social. Non nos deixemos engaiolar polos agoireiros do seu interesado pesimismo. Temos a palabra o vindeiro 1 de marzo.

5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...