Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

O tren de Pepiño

19:15 09/10/2008

De todos é coñecido o entusiasmo que espertou o ferrocarril como medio de transporte no s.XIX. Curros cualificaríao de “Cristo dos tempos modernos”. Porén, Galiza non soubo xogar as súas bazas para acadar os seus obxectivos en materia de transporte ferroviario. Absurdos localismos, a falta de peso político específico e unha conxuntura económica desfavorábel botaron terra sobre o asunto. A maior abondamento, a concepción xacobina da rede de comunicacións primou a conexión coa meseta fronte ao artellamento territorial do país.

No plan xeral de ferrocarrís (Lei do 2 de xullo de 1887) diferenciábase entre rede xeral e rede secundaria. Esta última foi concibida para enriquecer a comunicación entre portos e comarcas dun xeito racional e debidamente xustificado. O 16 de marzo de 1888, na Gaceta de Madrid, aparecía o primeiro proxecto dunha nova ordenación das liñas do tren. A Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago enviou ao ministro Carlos Navarro y Rodrigo un informe que supoñía o primeiro intento público de planificación da rede ferroviaria galega desde unha perspectiva de país coa fin de artellar o territorio no seu conxunto. Cando a principios do s.XX Rof Codina reflexiona sobre as reformas necesarias para o progreso da agricultura, con motivo dos Xogos Florais organizados pola Sociedade “Liceo de Artesanos de Monelos” (Oza, A Coruña, 1912), deixa ben claro que Galiza precisa, ademais da rede xeral, de carácter estratéxico, unha rede secundaria que inclúa un ferrocarril central (A Estrada, Lalín, Lugo), da Costa (Betanzos, Ferrol, Xixón), de Santiago (Coruña, Carballo, Santiago e Carballo-Corcubión), de Lugo a Ribadeo (Vilaodrid-Lugo), de Vilafranca do Bierzo (Vilaodrid-Becerreá-Vilafranca), e o tranvía do Tronceda (Ribadeo-Mondoñedo-Vilalba-Lugo). En posteriores proxectos (Gaceta do 18 de xaneiro de 1893) a liña que percorría a Costa da Morte sufría algunha modificación (no canto de rematar en Cerceda pasaría por Arteixo cara á Coruña); mais víase necesaria e suficientemente razoada.

Baldomero Cores Trasmonte (“O tren dos 3 CCC”, Anuario Brigantino 2005, nº 28) coméntanos polo miúdo o fracaso dun proxecto que desde logo poderiamos cualificar, ao xeito de Curros Enríquez, do “Cristo dos tempos modernos” para a comarca. Fernando Cabeza Quiles, no seu “O tren de Pepiño” converteunos, en certo xeito, en real este vello soño de Pepe Miñones e das terras de Bergantiños, Soneira e Fisterra. Mais os nosos soños non nos deben pechar na gaiola para resignármonos cun mundo material estraño a nós e consolármonos cun ficticio máis alá. Os nosos soños deben darnos pulo para transformarmos a realidade na que vivimos. Se somos quen de xerar utopías (na vez de quimeras) poderemos ter éxito nos nosos obxectivos. O tempo ten demostrado a necesidade desa liña dos 3 CCC. No seu “Informe sobre as áreas funcionais de Galicia” (“IX. Área funcional da Coruña”), ano 2008, o CES constataba a necesidade do estudo de viabilidade para comprobar se son rendíbeis novas liñas de ferrocarril, nomeadamente unha liña A Coruña-Carballo-Corcubión como medio de transporte para persoas e mercadorías que permita artellar a vertebración das comarcas da Costa da Morte na área funcional en que están integradas. Tamén a Cámara de Comercio ten tratado o tema e viu a necesidade de poñer en marcha dito estudo de viabilidade. Agora, tan só nos cabe agardar que desde Política Territorial se desbloquee o tema e se poña en marcha.

O tren dos 3 CCC é un proxecto realista, non se trata dun antollo localista froito dunha aloucada noite de verán de catro fidalgos acomodados. Os pasos que se foron dando na comarca nos últimos anos para facer real este vello soño, pasos urdidos cos vimbios do consenso, non se poden ver truncados pola xélida distancia que marcan actitudes tecnócratas de enxeñeiro de camiños requintado.

4,6/5 (15 votos)



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...