Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

O Rivera Casás: David contra Goliat

17:00 09/07/2009

A loita levada a cabo pola comunidade educativa do Ceip. Rivera Casás para facer fronte a unha decisión arbitraria e froito de intereses especulativos é digna de eloxio. Fixeron forza da unión e artellaron propostas innovadoras, como o Programa Bos Días de atención aos pícaros para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Estando prevista a integración do Ceip. Galdín no Rivera Casás, todo levado da man do diálogo e da información transparente, de súpeto, como elefante en cacharraría, irrompeu a Consellaría de Educación do último goberno Fraga para apostar polo cemento especulativo. O señor Feijóo, fiel ao seu pasado, volve poñer as cousas no seu sitio.
Na primavera do 2003, o Galdín (San Ciprián, Cervo) contaba con 35 alumnos. A súa situación facíase insostíbel; mesmo o profesorado propuxo a súa integración no Rivera Casás á Delegación Provincial de Educación. Con actitude construtiva, e vendo posíbel solucionar un problema pola vía do diálogo, a Delegación Provincial comunica, a través do seu Servizo de Inspección, que o curso 2003/04 comezaría no Rivera Casás cos membros da comunidade educativa do Galdín integrada naquel.
Tamén a finais da primavera do 2003 houbo outro acontecemento político importante para esta historia: as eleccións municipais. O poder municipal, en mans do PP, estaba a xestar un proxecto urbanístico (que non fixo público ao se presentar ás eleccións municipais) que implicaba o derrubamento do Rivera Casás e a conseguinte reagrupación, aínda que en sentido inverso, da comunidade educativa dos dous centros escolares de San Ciprián. O proceso de integración planificado pola Delegación Provincial, pero non feito oficialmente público, é paralizado. Tras a victoria electoral do PP nas municipais, por maioría absoluta, entón si que se dá a coñecer o proxecto urbanístico para a zona: inclúe a construción dunha praza pública no solar que ocupa o Rivera Casás, disque unha grande e libre operación urbanística de apertura ao mar que no fondo agocha unha modificación das normas edificatorias que de seguro habería de xerar cuantiosas plusvalías no contorno da praza proxectada. Deixando á marxe á súa Delegación Provincial, o conselleiro Celso Currás presta bos oídos ás suxestións do Concello de Cervo.

O proceso de loita polo mantemento do Rivera Casás para tratar de evitar unha decisión caprichosa, prepotente e basada no interese particular duns poucos, ponse en marcha. As iniciativas emprendidas foron imaxinativas e moi participativas; abordaron actuacións nos ámbitos administrativo, xurídico, político e social. Pola súa banda, o concello e a administración educativa, sabedores de representar o papel dun Goliat imparábel, empregaron todo o seu poder para sacar adiante a súa suculenta proposta.

Na fin do curso 2004/05, antes das autonómicas que nos levarían ao goberno bipartito, a Consellaría tiña preparado o golpe de graza para o Rivera Casás. Pero a perda do goberno levounos a actuar de xeito precipitado tomando decisións administrativas erradas. Aquí si demostrou o PP facer o que lle saía dos seus adentros sen respectar o cambio de rumbo político decidido polo país, e xa en tempo de desconto. Quen os viu hai catro anos; e quen os viu nesta primavera pasada.

Esa présa foi a que permitiu botar abaixo o proceso de peche definitivo. Porén, o concello non se daría por vencido e aínda tentaría boicotear con todos os medios ao seu alcance a supervivencia do Rivera Casás. O cambio das pechaduras do centro, ameazas de cortar a luz, a retirada do conserxe, do servizo de limpeza, insistir arrogantemente na conveniencia de matricular aos fillos no outro centro... En fin, sen palabras. Pouco a pouco, resucitouse o centro, a pesar das artimañas ideadas polo concello.

Agora, truncado o soño dun goberno alternativo a estas actitudes, e de novo ante uns gobernantes que recuperan as súas raíces ideolóxicas, no eido da lingua, da aposta polo cemento, polo liberalismo económico a ultranza, o Rivera Casás volve ter os días contados. Máis unha vez, clandestinamente, sen transparencia. De pouco serve laiarse. O que si podemos facer é levar a cabo, uns e outros, os cambios necesarios para de novo ilusionar ás nosas xentes e demostrarlles que temos capacidade de traballo, e que sabemos aprender dos erros cometidos. Tamén a xente terá tempo para comprobar se todo o malo que din que fixo o bipartito era tanto, ou ganas de amolar para boicotear a alternativa. Todos temos deberes que facer.

5/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...