O luns 16 de novembro, Núñez Feijoo anunciou que o goberno galego vai estudar que o sinal dixital da TVG chegue ás áreas galegófonas das provincias de Asturies, León e Zamora. A ollos de La Nueva España (LNE), xornal de gran difusión na comunidade asturiana, levantou a lebre! Que enganados os tiña! Bo rapaz el, cando lles concedeu unha entrevista ao pouco de gañar as eleccións, ben claro lles deixou que ía abandonar todo afán expansionista e calquera polémica de carácter lingüístico coa comunidade veciña. O martes 17, xa o xornal carbayón abriu as páxinas do Occidente denunciando tamaña deslealdade. Tarde piaron: uns e outros.
A cantilena do afán expansionista dos galegos cara a Asturies foi un bluf ben argallado para amarrar comercialmente a comarca eonaviega. Bluf si, pero manda truco co ben que lles funcionou! Onde antes atopabas xente que non renegaba dos vínculos culturais, lingüísticos, afectivos e socio-económicos cos seus veciños galegos, agora agroman mentalidades que obvian toda relación con Galiza. Ollo! Non dramaticemos en exceso: os vínculos segue a habelos. Outra cousa é que, mentres antes non se negaban, ou mesmo se recoñecían abertamente, agora disimúlanse ou incluso se evita comentalos.
A xerar este ambiente temos colaborado todos, pero uns máis ca outros. Por exemplo, LNE (e en menor medida outros medios asturianos facendo un parco seguidismo de tal política informativa). Tamén o PP (o galego e o asturiano), usando este tema como ariete contra o PSOE (idem), refén do nacionalismo galopante. En realidade, os grandes “colonizadores” eran a TVG, que cos seus programas estaba a “lavar o cerebro” dos nenos e nenas eonaviegas; e LVG coa súa edición da Mariña lucense, na que se daba boa información das vilas do occidente de Asturias (incluída Luarca). Satisfacía así a necesidade de información destas terras abandonadas xornalísticamente á sorte de Deus. Cando LNE quixo reaccionar era moi tarde. Solución? Entrar como elefante en cacharraría no Eo-Navia para borrar toda pegada galega.
Que tanto o PPdeG como LVG usaran este tema para desgastar ao nacionalismo galego reflicte unha torpeza que agora se pon de manifesto cruamente. Gañada a batalla xornalística semellaba que todo volvía á calma. Mais víase vir que ía ocorrer o mesmo cando o apagón analóxico e as canles de TDT locais. A diferenza, ademais, é que agora o “expansionista” resulta ser o señor Feijoo. No pecado vaille a penitencia. Saben que canles de TV se poderían beneficiar da cobertura dixital galega no Occidente asturiano? Unha, inspirada polo espírito santo; a outra, iluminada por un faro milenario. Mentres, desde Vigo, quen se trasladou desde ben preto do carbayón parque de San Francisco, frega as mans e ri a esgalla. Tan só lles ten que replicar a Feijoo e a Fernández Latorre aquilo de “pérfidos colonizadores”.
Todo isto pasa por xogar coa lingua rachando consensos ben trabados ao longo dos anos. As labazadas que lle daban ao nacionalismo galego (nomeadamente o BNG) eran en realidade golpes con efecto búmerang que se ían virar contra eles, aínda que os habemos de pagar todos nós. Hai que lle poñer remedio, señor Feijoo. Volva ao PNL actualmente en vigor. Recoñeza os erros cometidos e teña o valor de recuperar os consensos acadados. Tamén na cuestión do galego estremeiro.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »