Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Agora tamén nós

09:32 15/01/2008

É o noso momento. O da Mariña lucense, o de todas as comarcas que compoñen a circunscrición electoral de Lugo. O 9 de marzo imos elixir os nosos representantes pola provincia de Lugo.

Non imos votar por un presidente ou outro, senón que imos depositar a nosa confianza nuns deputados que terán que defender propostas que enriquezan as nosas vilas a través das distintas políticas sectoriais (infraestruturas, sociedade do coñecemento, servizos sociais, coidado do medio ambiente), que defendan os nosos dereitos como cidadáns no canto de potenciar políticas reaccionarias e ultraconservadoras, que aspiren a maiores cotas de autogoberno favorecendo coa súa presenza a negociación dun estatuto de igual rango que o de vascos e cataláns; que defendan, en fin, os intereses de Galiza por riba de todo.

Sendo un mociño comecei a simpatizar coa causa galeguista. Os libros que fun lendo sobre o tema, e ante todo o labor político desenvolvido polos distintos partidos políticos, deixáronme ben claro que necesitabamos dunha organización política propia, sen ataduras. Nos anos oitenta e noventa era moi recorrente o argumento de consolación vasco e catalán: “eles si que mandan, si que lles fan caso en Madrid; se vós puiderades coma eles...!” Os partidos políticos poden responder do que lles propuxeron aos cidadáns se estes lles dan nas urnas a forza necesaria para ser tidos en conta. A cidadanía sempre acudiu aos deputados e deputadas do BNG para sacaren adiante propostas coas que solucionar problemas. E o BNG nunca lles dou as costas. Tampouco prometeu imposíbeis; ora ben, sempre dou todo de si.

Incluso nos duros anos de maioría absoluta do PP conseguiu sacar adiante propostas que primeiramente eran rexeitadas e despois presentadas como propias polo partido gobernante. E cando non houbo maioría absoluta co PP tamén se lograron cousas (lembrar o deseño inicial das liñas ferroviarias feito por Álvarez Cascos e a reacción posterior tras as protestas do BNG e dos axentes económicos e sociais galegos). Realmente cren que se non houbera representación do BNG en Madrid cando o do Prestige desde o goberno central ían reaccionar como o fixeron? E aínda así canto houbo que pelexar. Nada nos é dado. Deixar todo da man dos demais non ten sentido.

Está nas nosas mans

Ao longo desta lexislatura puidemos comprobar que o protagonismo do BNG foi crecente. Vímolo na Mariña, na Terra Cha, na cidade de Lugo e nas comarcas do sur, con actuacións variadas para axilizar diversas obras públicas de grande calado ou nos orzamentos; trátase de logros acadados a maiores do inicialmente previsto Puidemos constatar, en fin, que cando se é necesario e se ten o apoio real da xente (e non só palmadiñas nas costas) pódense facer cousas. Depende de todos nós. Está nas nosas mans. Deixármonos levar pola deriva bipartidista, ou facérmonos escoitar coa forza das urnas.

Non podemos seguir laiándonos e botándolle as culpas aos demais. Temos que responsabilizarnos dos nosos actos. Non podemos caer no bucólico sentimentalismo da honra sen barcos. Que aportaba a Galiza votar contra Magdalena Álvarez se dentro duns días deixa o seu cargo? Que lles aportou a outros votar a favor dela sen negociar nada a cambio? Eis a importancia da presenza do BNG no parlamento español: actuando responsabelmente faise valer e acada melloras (tanto económicas como competenciais) para Galiza. E desta vez, Lugo tamén vai contar con presenza en Madrid. Porque xa puidemos comprobar que é útil.

4,5/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...