A finais do ano 2006 (27-12-06) a Administración do Principáu d´Asturies e máis as organizacións sindicais membros da mesa xeral de negociación acordan aprobar a carreira profesional do persoal estatutario licenciado e diplomado dos centros e institucións sanitarios do SESPA así como os criterios de desenvolvemento profesional de dito persoal.
Tamén se establece o compromiso de desenvolver a carreira e promoción profesional, cando se dispoña dos marcos normativos correspondentes (ademais da do persoal sanitario) para o resto dos empregados públicos da Administración que cumpran os requisitos correspondentes. A tal efecto, abonaríase un pago a conta das cantidades establecidas para o persoal do primeiro nivel de encadramento na carreira profesional. Tal pago sería efectivo no 2007 e anos sucesivos. Independentemente de cando comezara a aplicarse, este pago tería efectos retroactivos a 1 de xaneiro de dito ano 2007. Iso si, para cobrar hai que asinar, a título individual, o proceso de adhesión á carreira e desenvolvemento profesional.
Hai que indicar que se trata dunha solicitude de carácter persoal. A mesa sectorial de Educación deixa de existir e integrámonos na mesa da función pública. Os sindicatos específicos do mundo da educación non van ter posibilidade ningunha de estaren presentes na mesa xeral da Administración; e as federacións de ensino dos sindicatos de clase tampouco, pois van ter que confiar aos seus compañeiros e compañeiras das correspondentes federacións de Administración as súas reivindicacións.
O máis rechamante de todo o proceso posto en marcha é que nos comprometemos a levar a cabo unha serie de actividades (non sabemos se formativas ou de que tipo, nada se regulou aínda) e, no caso de non superar positivamente a avaliación das mesmas teriamos que devolver o diñeiro percibido (ver punto 4 da Base 3ª do Anexo I da Resolución de 18-5-07 da Conseyería d´Economía y Administración Pública do Principáu d´Asturies). Ante semellante descaro non cabía máis que a mobilización. Estaban a pedirnos que asinaramos un cheque en branco e que ademais renunciaramos á negociación colectiva. A reacción foi grande. Tivemos un fin de curso con mobilizacións importantes. Mais ao remate, na “soidade” do verán, a xente deixouse tentar e asinou maioritariamente. Menos mal que un recurso da Corriente Sindical de Izquierdas conseguiu paralizar o proceso. É inconcibíbel que unha Administración pida aos seus administrados que asinen un documento baleiro de contido no que se comprometen a facer algo que aínda está por definir. E moito menos aínda pretender a devolución do diñeiro de non superar a avaliación de algo descoñecido.
División no mundo sindical
Este tema provocou máis dunha división no mundo sindical asturiano. UGT está a favor. Pero CC.OO sufriu tensións internas entre Administracións Públicas e Educación. Suatea (Stega na Galiza) está claramente en contra. Non sei o que poderá pasar en Galiza se isto se propuxera deste xeito. Na Conseyería d´Educación están a rabiar porque perderon o control sobre o seu persoal. En Economía refréganse as mans de emoción (máis control político, tamén a nivel interno no partido gobernante). Os sindicatos do ensino perderon capacidade de manobra ao desaparecer a mesa sectorial de Educación. As federacións de Administracións Públicas pouco lles importa o que aconteza no eido educativo.
Cómpre que na Galiza se afronte este tema con claridade: non pode desaparecer a mesa sectorial de Educación; non hai que vincular ese primeiro ingreso a conta a ningún contrato/documento de adhesión de carácter persoal no que te comprometes a facer non sei que cousas aínda por regular; hai que defender a negociación colectiva con firmeza e rexeitar calquera manobra que abra a porta a un tratamento de carácter persoal entre a administración e os seus traballadores e traballadoras. As cúpulas sindicais teñen que procurar evitar con moita man esquerda a división entre federacións. Os médicos teñen todo ben regulado na súa carreira profesional. É certo que para o persoal de administración pode ser unha oportunidade interesante para mellorar as súas condicións laborais e salariais. Mais iso non pode xustificar un acordo sen contidos para educación nin a desaparición da peculiaridade do mundo do ensino integrado dentro da Administración.
Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »