Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Encontros na diferenza

14:31 15/05/2007

Dalgunha maneira cada un de nós vai creando os seus sinais de identidade por contraposición cos demais. A diferenza posibilita, precisamente, a distinción e a clasificación. Grazas a ela podemos distinguir entre dúas ou máis cousas ou individuos. O problema pode xurdir se, á hora de marcar a diferenza, nos diluímos no fondo uniformador con tal de non parecernos a outra figura achegada.

Levado ao plano das colectividades, pretendemos, con estas liñas, amosar como a procura duns sinais de identidade pode comportar riscos; mais resulta inevitábel asumir o reto. Ficar quedos implica a uniformidade, a absorción por parte dese fondo diluínte. Imos comparar a evolución do nacionalismo galego coa do asturiano para mirar de propoñer puntos de encontro que nos permitan construír, ou polo menos ser quen de pensar, espazos de encontro que permitan superar falsas polémicas tan insidiosamente creadas e fomentadas con claros fins comerciais e, en certo xeito, de catarse colectiva.

O nacionalismo galego.
O nacionalismo galego, como calquera outro movemento nacionalista, tivo un referente negativo. Nun primeiro momento foi Castela. Posteriormente, España. Pero no proceso de construción da identidade galega houbo que elaborar un discurso baseado nuns sinais identitarios que nos permitiran destacar os nosos propios riscos, distintos do grupo dominante de pertenza. O Volkgeist galego (celtismo, amor á terra, relixiosidade, intelixencia, lirismo, capacidade de resistencia, ausencia de agresividade) e o idioma, foron referentes de afirmación para Murguía. Concepción católica do mundo, atlantismo (versus mediterraneísmo), nación concibida como feito natural e biolóxico, idealismo/tradición oposto a modernidade, burguesía e proletariado; eis os elementos do neotradicionalismo risquián. A concepción dos elementos espirituais (Volkgeist, lingua, folclore) como predominantes sobre os elementos físicos (raza e terra) á hora de establecer a etnicidade permite á tendencia liberal-demócrata defender os principios do liberalismo, da Revolución Francesa e da Revolución Industrial; iso si, marcando ben as distancias cos principios básicos do socialismo e do anarquismo. Co nacionalismo dos anos 60, o elemento étnico perde peso en favor dos elementos estructurais socio-económicos. Tamén o antiimperialismo e o anticolonialismo son elementos fundamentais no nacionalismo de esquerdas da segunda metade do século XX.

O nacionalismo asturiano.
Atendendo agora ao caso asturiano, ao longo da historia atopámonos con posicionamentos rexionalistas, centrados na defensa de determinadas peculiaridades culturais, a partir das cales poderíanse defender dereitos políticos e administrativos. Así mesmo, tamén constatamos posturas nidiamente conservadoras (Junta Regionalista del Principado, Instituto de Estudios Asturianos) e reformistas (D. Xosé Caveda y Nava). Nos comezos do século XX podemos notar a presenza de asturianismo esquerdista na Mancomunidad de Ayuntamientos Mineros, defensores da proposta federalista de Pi y Margall. A industrialización puxante posta en marcha ao longo do século XIX acabou por desprazar aos sectores conservadores da sociedade asturiana, ao carlismo. Fronte a esa burguesía industrial, foránea, iríase constituíndo un proletariado que se abrazou ás ideas internacionalistas. A procura do elemento diferenciador  que permita crear uns sinais de identidade é abandonado. Porén, e aínda que mantendo un discurso internacionalista, o proletariado asturiano vaise comportar, en certo xeito, como unha nación (Revolución de Ochobre, Guerra Civil). Co franquismo, a burguesía e o alto funcionariado asturiano son suplantados. O proletariado, vencido. Asturies, dobremente derrotada. Como xa indicamos liñas atrás, nos anos 70 do século XX agroma un nacionalismo claramente de esquerdas que abrangue un abano amplo. Hoxe en día actúan na política asturiana a coalición URAS-PAS, Andecha Astur, o BIA (Bloque de Izquierda Asturiana), o Bloque por Asturies, e tamén podemos lembrar a desaparecida XNA (Xunta Nacionalista Asturiana) e a Lliga Asturiana.

A lingua como elemento identitario: u-la fricción?

Hai en Asturies un forte sentimento de pertenza á comunidade. Sen embargo, as súas linguas non ven reflectido este sentimento de adhesión, tan só unha lixeira vontade de preservación. O labor dos escritores e o pouso que vai deixando o seu ensino conseguen manter viva a chama da creatividade e dar pulo ao uso e difusión do asturiano e do galego-asturiano. En torno a este tema, e en concreto polo que respecta ao galego-asturiano, xorden de forma continuada e periódica polémicas estériles acerriquitadas por intereses económicos (e ideolóxicos de fondo) ben definidos.

Non é o momento de profundar na bibliografía respecto aos vínculos históricos, culturais e lingüísticos entre as terras do Eo-Navia e Galiza. Nesta Mesopotamia situada entre as augas do Navia e do Eo logrou sobrevivir unha cultura, unhas maneiras de pensar, sentir e obrar moi específicas. Ademais, sometidos á presión de que, sendo de Asturies, non eran asumidas como asturianas, o que acabou redundando nunha escasa valoración do propio que mesmo derivou no autoodio. Se a maiores engadimos que entre o elemento dominante e o referente (negativo) identitario había unha considerábel diferenza socio-económica, era previsíbel que se acabara rexeitando dita identificación e renegando incluso do propio en canto se parecera algo ao outro, deostado.

 Posíbeis consecuencias do recurso á negación do outro no caso asturiano.
Apelando a vellos tópicos sobre os galegos certos sectores do nacionalismo asturiano están a crear un referente negativo que lles vén como anel ao dedo. En vez de elaborar un discurso que procure a posta en marcha dun autogoberno pleno que lles permita desenvolverse como tal nación adoptando unha actitude reivindicativa cara a quen non lle permite ostentar esas ansias autonomistas, elabora un pensamento centrado nun referente negativo secundario, mais magnificado neste contexto: os males de Asturies proceden todos de Galiza, que é vista dun xeito desdobrado. Por unha banda, míranse nela pois ansían as cotas de autogoberno e desenvolvemento cultural e lingüístico acadado no noso país. Pero, por outra, xorde un receo temeroso de que ese desenvolvemento poida comportar consecuencias perniciosas para Asturies (moi acostumada social e culturalmente a mirar con certo ar de superioridade cara ao occidente). Polo que ao Eo-Navia se refire, hai persoas, asturianos e asturianas como o que máis, que son aldraxadas e ás que se lles nega a súa condición de asturianos por non entender o país da mesma maneira. Ese é o prexuízo de fondo: Asturies é concibida, por algúns sectores do asturianismo político, como unha unidade, tanto territorial como lingüística. E hai quen se está a comportar como Simplicio negándose a ver os planetas medíceos e falando de manchas borrosas que se poderían interpretar de distintos xeitos. E como a Inquisición, con compatriotas seus que pensan distinto deles.

Esta situación chegou ao sarcasmo cando, nunha campaña de promoción da corresponsabilidade nos labores domésticos, en galego-asturiano no Eo-Navia, nun coñecido xornal asturiano analizouse palabra por palabra o texto do cartel. Conclusión: aquilo era, indiscutíbelmente galego, pois coincidía con el ao cento por cento. Logo, mellor non xogar co tema das linguas. Xa se sabe, como o castelán, ningunha. E deixémonos de andrómenas, que poden acabar dando dores de cabeza, problemas. E iso mesmo acabará por pasarlle ao asturiano. A base de atacar a unha lingua minorizada, o galego, escollido como referente negativo, no fondo o que se está a facer é atacar a calquera lingua minorizada, pois deslexitímase o seu uso e négase o seu valor cultural.

Para rachar con esta dinámica absurda resulta imprescindíbel tender pontes. Contra o prexuízo lóitase falando, dialogando. Con paciencia, sen presa, pero sen pausa. Desde o lado galego téñense dado pasos para ir trazando esa senda de diálogo, para erguer puntos de encontro. Cremos que desde o lado asturiano hai sectores dispostos a profundar nesa dinámica. Non podemos consentir que problemas que no fondo obedecen a intereses comerciais afecten a uns vínculos tan asentados na zona. Asturies debería sentirse moi orgullosa de que unha parte do seu territorio lle permita abrirse ao mundo galego-portugués sen menoscabo das outras oportunidades que lle brinda a súa historia e tradición cultural.

4,62/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...