Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Próxima parada: Praza dos Libros. Carballo

12:50 22/08/2009

Estación de servizo da... libraría do salón. Unha colección de literatura galega convive con outra de literatura universal en galego. Gorecidas por unha enciclopedia universal, aínda que non do século XVIII (francamente, unha mágoa), miran con asombro cara a unha historia do mundo (non de pailán cosmopolita) co devezo de ver integrado o particular no universal sen por iso perder a súa especificidade.

Nun xogo de equilibrios enriquecedor, un exemplar tradicional do Quijote faille as beiras ao Quixote en galego. Mágoa dunha edición en inglés, compensada cun exemplar do King Lear e outro do The Lord of the Rings. O Conto de Nadal de Dickens mira con curiosidade san ao The Carpenter´s Pencil do Rivas. Atendendo a inquedanzas profesionais, A History of Western Philosophy permite facer unha viaxe pola historia das ideas. Para o relaxo, mesmo para cando hai problemas de insomnio, as aventuras de Asterix e Obelix.

Especialmente emotivo foi ler o “Asterix en Bretaña” en asturiano. Cos meus mellores desexos para novas traducións á lingua asturiana. Tamén coa esixencia de que os nasp que agora nos gobernan non entorpezan con atrancos burocráticos as traducións ao galego. Para as subvencións á segregación educativa por sexos non hai problemas, todo son facilidades! Os amantes da poción máxica, sobre todo se é de herbas, esiximos que sigan adiante coas mesmas: de Asterix e todo aquilo que nos achegue o mundo e nos achegue ao mundo.

Mais a lectura non se pode reducir a un acto individual, atomizado e descontextualizado. Cómpre saírmos á rúa, dármonos a coñecer. O traballo levado a cabo nestes últimos catro anos coa nosa presenza polo mundo das feiras do libro en diferentes países ha dar os seus froitos. Hai un antes e un despois desde a nova aposta, non apoucada, ambiciosa, rigorosa, na política de promoción das nosas letras, da nosa cultura en xeral. Por moito que a algún editor de papel hercúleo lle dea por nos enlear con facturas de mojitos. Farán o mesmo coas de riojas, cavas, etc., ao longo destes catro anos? Por qué é máis normal beber viño ca mojitos nunha degustación cando no país en que se realiza son típicos estes últimos?

A promoción cultural tamén ten que estar ancorada no propio país. A base non pode ser descoidada, ten que ser mimada para que dela poidan agromar propostas que levar mundo adiante. Non podemos reducir unha feira do libro á presenza de autores de renome (entendido en sentido provinciano) e descoidar ás novas figuras, por modestas e pouco coñecidas que sexan. O mesmo hai que dicir para as actividades en paralelo que se poidan (e se deberían) programar.

Se ademais involucramos a toda a comunidade na promoción do inmenso mundo dos libros, e a través de dita promoción tamén se dá a coñecer dita comunidade, as sinerxías creadas reforzarán tal actividade. Se comprendemos e admiramos a tradición “unha rosa, un libro” por que non adaptala, por exemplo ao contexto dunha terra onde o pan é sinal de identidade: un libro, un pan. E como se le mellor sen que as tripas anden a rilar na nosa existencia, por que non imos tomar unhas tapas entre acto e acto? Ribadeo, co seu tapeo, logrou dinamizar en momentos baixos a súa actividade hostaleira con apostas creativas farto deliciosas e apetitosas. En Carballo, os libros vanse ver revestidos cunhas tapas que farán aínda máis irresistíbel a súa lectura. Con esta carta de presentación, quen se pode negar a se achegar á Praza dos Libros desde o xoves 27 ao domingo 30?

3,9/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...