Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Farruco Graña

Novos tempos, malos tempos

18:00 05/08/2009

Desde o 1M abriuse un novo tempo político. A raíz dos datos e das actitudes que están a agromar semella que se trata de algo máis que un simple cambio de goberno. Os poderes fácticos políticos, económicos e mediáticos petaron forte na mesa e decidiron apostar por un cambio de rumbo drástico. En cuestión de tres meses déronlle a volta a tortilla.

Había moito en xogo. Desde suculentas concesións eólicas (ás que algúns non chegaron) ata importantes proxectos do mundo da acuicultura ou do motor, pasando por uns hábitos urbanísticos que devecían polo laissez faire, laissez passer; a necesidade de recuperar e potenciar a influenza do ensino e da sanidade privados, ou o desexo de que nada mude (a poder ser de lugar) no mundo das celulosas; todo iso e máis cousas vernizados cun rancio antigaleguismo preautonómico pseudourbanita (no mellor dos casos), cando non cun fedento e rancio nacionalismo español de século XXI, e aderezado cun xornalismo rosa fuxia con tics locais protestóns. Os erros dun presidente demasiado presidencialista e un vicepresidente que debería ter definido mellor o seu discurso, xunto cuns partidos que en non poucas ocasións daban a impresión de estaren máis pendentes o un do outro que de sacar o país adiante, e unha masa crítica moi crítica (máis ben hipercrítica), puxeron o resto. Tarde piamos. Mais aquí estamos.

Tardamos en reaccionar. Mesmo semella que non o fixemos ben acaidamente. Mentres que o PSdeG-PSOE parece querer volver aos tempos de supeditación ao emanado de Madrid, desde o BNG non fomos quen de puxar co ímpeto axeitado para comezar unha nova etapa, agora outra vez na oposición. Canto se botaron en falta nos primeiros días aos responsábeis nacionalistas en educación, economía, infraestruturas... Por sorte, corrixir este aspecto foi doado. Non creo que toda a militancia do PSdeG estea agardando ao que diga Ferraz para poder opinar sobre calquera tema. Pero as reaccións ante os temas estrela destes primeiros 100 días de goberno máis ben causaron a impresión contraria. Está nas súas mans modificar esta sensación.

Unha trampa na que nos vai querer meter o PP é a de nos esixir unha oposición bipartita. Vaia parvada! Podemos estar todos ben tranquilos, que cada un de nós ten o total e absoluto dereito a defender a súa opción política así como o seu ideario e programa. E en nada ten que estrañar que poidan aparecer diferenzas. Ora ben: de momento, a alternativa ao PP pasa polo binomio PSdeG-PSOE/BNG, polo que, á hora de fraguar a mesma, o electorado ten que percibir a madurez suficiente e a capacidade de acordo entre as dúas opcións para sintetizar ambos idearios nunha acción de goberno eficaz. Aprendamos dos erros cometidos na Xunta e corrixámolos nos concellos e nas Deputacións.

Sen dúbida o tema estrela destes primeiros 100 días foi o tratamento tan despectivo cara aos nosos sinais de identidade, nomeadamente a lingua. Tanto se pode tratar dunha cuestión puramente ideolóxica, amosada agora cunha sinceridade asombrosa, como dunha cuestión táctica que ande á procura de nos descentrar e levarnos a posicións maximalistas que lles permitan dicir de nós que somos uns radicais que volvemos ás catacumbas (aproveitando o da coalición con ERC). Ademais, iso permítelles acusar ao PSdeG-PSOE de seren uns parviños nas mans do radicalismo nacionalista, etc., etc. Porén, son eles os que se están a mostrar máis energúmenos e oportunistas que nunca coa nosa lingua. Ata dá a impresión de que algúns dos que os apurraban agora recean da enquisa, de como se fixo, de como se procesaron os datos, etc.

Segundo reaccionemos sabendo xerar novos consensos para recuperarmos o xa acadado co Plan de Normalización Lingüística, así desarmaremos e deixaremos ao pairo o uso partidario e irresponsábel que fixo o PP do tema do galego. Temos que sumar a aqueles sectores da sociedade que, incluso sendo castelán falantes, non comparten este ataque frontal á nosa lingua. Vincular defensa da nosa identidade, con autoestima e coa defensa da nosa economía, nestes momentos de crise tan delicados nos que se fala dunha nova aldraxe, neste caso no mundo das finanzas, é fundamental. Como demos vai ter folgos o señor Feijoo para defender ás caixas galegas se nestes 100 días estaba máis ocupado en levar a cabo medidas contra o galego? Que impresión vai causar un presidente por aí fóra se en vez de valorar o propio o denigra?

4,69/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Farruco Graña

Naceu en 1966. Licenciouse en Filosofía en Ciencias da Educación pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade é profesor no IES Marqués de Casariego, na localidade asturiana de Tapia de Casarego. Publicou a novela "O bosque de Nadgor"(2007). »



Anteriores...